Dinamizando con Ubuntu

11 Marzo 2008 10:28 por vic

Logo ubuntuEstes días estou a ter unha intensa actividade dinamizadora, con tres turnos de obradoiros diarios, obradoiros de iniciación á informática, a internet e ao correo electrónico. Todos eles desenvolvidos íntegramente sobre software libre, máis concretamente, sobre Ubuntu. E a experiencia é máis que satisfactoria, por ambolosdous lados, dende o punto de vista dos alumnos e máis dende o meu, o do dinamizador tecnolóxico.

Para os alumnos, para a maioría deles, é a primeira experiencia diante dun ordenador, polo tanto, aíndan non están contaminados polas costumes e tradicións do Windows, polo botón verde abaixo á esquerda, pola e azul do Internet Explorer ou polo sempre presente (e pirateado) Microsoft Office polo que a súa aprendizaxe é igual de costosa nun sistema operativo que no outro, aínda que me atrevería a dicir que hai certos matices que a fan máis sinxela do lado do Ubuntu. O que si que é certo é que á maioría deles xa lles sona eso do Windows ou na súa casa teñen o XP instalado no ordenador dos seus fillos e practican o aprendido ou navegan pola internet ou incluso un deles comprou ao largo do obradoiro un flamante ordenador, por suposto, con Windows Vista. É dicir, no obradoiro aprenden con Ubuntu e nas súas casas practican con Windows. ¿É esto posible? ¿Persoas que levan dúas semanas usando o ordenador adáptanse a tanto cambio? Pois si. E creo que son dous os motivos principais:

  1. No obradoiro aprenden conceptos, non mecánica de clicks. Ou eso é o que pretendo. É dicir, se asimilas o concepto de carpeta, de fiestra ou de programa en lugar de facer clicks en lugares estratéxicos e de maneira ordenada para chegar a un fin, ao final, esteas no sistema operativo que esteas, adáptaste dunha maneira máis ou menos sinxela aos lugares donde hai que facer click ou á maneira de mostrar a información pola pantalla. Se ademáis, fago algo de fincapé en que en outros sistemas operativos pode que cambie a maneira de nomear os menús ou o lugar onde están as carpetas, xa está todo feito, o resto fano eles coa asimilación de conceptos, que todo sexa dito, non é nada sinxelo…
  2. Os sistemas operativos non son tan diferentes. Realmente, creo que so hai unha diferencia fundamental, que é o lugar onde se atopan os accesos aos programas ou carpetas. É dicir, no Ubuntu, non todo está no botonciño verde Inicio, están en outros sitios pero unha vez que investigas un pouco e o atopas, o resto é exactamente igual.

Esto faime chegar a algunha que outra conclusión:

  1. Migrar ou evolucionar dun sistema operativo a outro é sinxelo, so fan falta ganas e que alguen te incentive.
  2. As diferencias entre un Windows e un Gnu/Linux para un usuario medio son insignificantes.
  3. As administracións deben facer unha aposta decidida a prol do software libre.

E dende o meu punto de vista, como dinamizador, como friki-paranoico-pro-software-libre e como defensor da liberdade do coñecemento, estou encantado, non só porque me guste máis o Ubuntu que o Windows, senón porque considero que hai certas cousas que son máis claras e están máis accesibles dende Ubuntu que dende Windows, e así mo manifestaron algúns dos alumnos, que din, que lles gustan máis estes ordenadores que o da súa casa, que aquí atopa as cousas máis sinxelas.

Agora, só nos queda facer unha xornada de instalación de Ubuntu nos seus ordenadores, para que atopen as cousas igual de sinxelas nas súas casas ;) . Todo se andará…

O teu comentario