Fidelizando usuarios
9 Setembro 2008 8:00 por vicHai como catro-cinco meses que teño esta entrada na cola de pendentes, pero hoxe, por fin me decidín a rematalo.
Unha das cousas máis complicadas -dende o meu punto de vista- como dinamizador/a da Sociedade da Información é conseguir que os usuarios/as unha vez rematado o obradoiro de iniciación ou calquera outro obradoiro continúen asistindo á aula e que continúen practicando. Moitos deles -bastante máis da metade, diría eu- unha vez rematado deixan de practicar, dan o obradoiro como rematado e polo tanto xa rematou “ese compromiso” que tiñan de asistencia diaria polo que deixan a un lado a informática. E como ben sabemos todos/as, o máis importante é practicar. Ben certo é que non se pode xeralizar con nada, e neste tema non ía ser menos…
Ben, pois tendo en conta isto e para tentar fidelizar eses usuarios e que sigan a vir á aula, creei unha serie de exercicios que sempre lle entrego aos usuarios unha vez rematados os típicos obradoiros de iniciación á informática, internet e correo electrónico. Por suposto que os exercicios son opcionais, pero ao final, unha boa parte dos usuarios/as acaban por facelos. Ademais, tamén os deixo aquí por se algún día preciso da súa descarga.
Os exercicios son os que seguen:
Iniciación á informática:
- Exercicios 1 e 2: Redactar un texto e darlle formato. [PDF] ou [ODT].
- Exercicios 3 e 4: Traballo con fiestras e cartafoles. [PDF] ou [ODT].
Iniciación á internet:
- Exercicios 1 e 2: Comparar prezos no supermercado e buscar información en internet. [PDF] ou [ODT].
- Exercicios 3 e 4: Gardar imaxes de internet e escribir un texto con información obtida de internet. [PDF] ou [ODT].
- Exercicios 3 e 4: Gardar imaxes de internet e escribir un texto con información obtida de internet. [PDF] ou [ODT]. *Modificados para que sexan máis sinxelos.
Ligazóns de interese: [PDF] ou [ODT].
Mensaxería instantánea:
Practica co editor de textos: [PDF] ou [ODT].
Practica co teclado: [PDF] ou [ODT].
A parte destes exercicios, no obradoiro de iniciación ao correo electrónico, tento intercambiar semanalmente correos cos participantes para que sigan a practicar. Por suposto, contesto todos os correos que eles me envían, non só para que practiquen, senón que ao final acabas tendo unha relación afectiva con eles/as. Tento enviarlles periódicamente os típicos correos graciosos que todos recibimos, iso si, tento facer unha selección para non enviar calquera cousa.
Penso que ao final, con estas sinxelas costumes, vanse achegando pouco a pouco ás novas tecnoloxías e acábanas introducindo na súa vida cotiá. E ti, que fas para fomentar o que os usuarios/as sigan a practicar?
PD: A licencia de uso dos documentos é a mesma que a do blog, polo que podes facer con eles o que queiras :).




1 Trackback(s)