“Memoria de muller” no concello de Chantada na TVG
17 Outubro 2008 10:33 por vicO pasado domingo, 12 de outubro, emitiuse no programa A Revista fin de semana da TVG a reportaxe que podedes ver no vídeo de arriba (tamén se pode ver na web da TVG). Memoria de muller é un proxecto da Rede de Dinamización que pretende achegar ás mulleres ás novas tecnoloxías ao mesmo tempo que recuperan a memoria histórica, social, persoal ou cultural do seu concello. Cada unha destas mulleres é a protagonista do seu propio vídeo no que a través de unha historia escrita por elas mesmas, imaxes seleccionadas e escaneadas por elas mesmas, a posterior narración da historia feita por elas mesmas e finalmente, a edición dun vídeo con todo isto feito tamén por elas mesmas. Notaredes que remarquei especialmente o feito por elas mesmas, porque, no fondo, eso é o máis importante deste proxecto, elas mesmas.
O proxecto estase a realizar en multitude de Concellos galegos nos que ten presencia a Rede de Dinamización, e entre eles Chantada, que é o do vídeo que nos ocupa. Os vídeos finais aínda non están dispoñibles na rede, aínda que moitos deles xa están rematados. Non están na rede porque se está a crear unha web propia na que queden recollidos todos os vídeos que xa vos contarei no seu momento.
Persoalmente, eu tamén tiven a sorte de participar xunto con Ana na creación dun destes vídeos no concello de San Sadurniño, e foi unha das experiencias máis gratificantes e enriquecedoras que levei a cabo como dinamizador. O trato diario coas catro protagonistas foi algo excepcional. Día a día xurdiron anécdotas que acabaron en amizade e nun intercambio de correos e mensaxería instantánea xa que tiven que ir a dinamizar a outro concello. Porque a labor de dinamización non debe quedarse só nun traspaso de coñecementos alumno-profesor.



