De celebración!!

24 Abril 2008 18:27 por vic

Tarta cumpleanos

Onte trouxéronnos unha tarta para celebrar o 63 cumpleanos de Ildefonso. Así da gusto dinamizar… xa quedamos para celebrar tamén o 64 ;)

Primeira evolución en San Sadurniño

17 Abril 2008 23:25 por vic

Instalando una Ubuntu 8.04 beta en San Sadurniño

Aquí capturo o momento no que a primeira usuaria de San Sadurniño evoluciona a Ubuntu (na wikipedia). Ante a súa petición accedín con moito gusto á instalación no seu portatil de unha Ubuntu 8.04 beta.

É unha das usuarias que asistiu aos obradoiros de iniciación á informática, internet e correo electrónico dos últimos días e que quedou encandilada pola sinxeleza de uso do sistema operativo libre. E digo eu, ¿por que quedarse con un XP que no lle gusta si o Ubuntu ten todo o que precisa e ademais é libre? Espero sexa a primeira de outros moitos… ;)

Catro en liña

26 Marzo 2008 15:34 por vic

Catro en liñaAlgunha vez xogache ao catro en liña? E ademais gañache? Noraboa!! No obradoiro de iniciación á informática teñoos a todos/as enganchados/as. De vez en cando, entre fiestra e fiestra, entre un click aquí e outro alá relaxámonos un pouco xogando ao catro en liña. E perdendo en cada partida… ten unha dificultade extrema! Empatar contra a máquina xa é todo un logro.

Ao principio usaba o catro en liña coma un xogo para practicar co rato, entretido ao tempo que vemos como é unha fiestra e de paso uns cantos clicks. Pouco a pouco foi xurdindo un pequeno pique, pois ninguén lle lograba gañar á máquina. E xa sabemos como é isto, ante os retos, medramos. Pois agora, temos unha especie de revancha diaria contra as máquinas. Das 42 persoas que xa pasaron polo obradoiro de iniciación á informática, aínda non gañou ninguén. Pero seguir, sígueno a intentar:

Xogando ao catro en liña

Dinamizando con Ubuntu

11 Marzo 2008 10:28 por vic

Logo ubuntuEstes días estou a ter unha intensa actividade dinamizadora, con tres turnos de obradoiros diarios, obradoiros de iniciación á informática, a internet e ao correo electrónico. Todos eles desenvolvidos íntegramente sobre software libre, máis concretamente, sobre Ubuntu. E a experiencia é máis que satisfactoria, por ambolosdous lados, dende o punto de vista dos alumnos e máis dende o meu, o do dinamizador tecnolóxico.

Para os alumnos, para a maioría deles, é a primeira experiencia diante dun ordenador, polo tanto, aíndan non están contaminados polas costumes e tradicións do Windows, polo botón verde abaixo á esquerda, pola e azul do Internet Explorer ou polo sempre presente (e pirateado) Microsoft Office polo que a súa aprendizaxe é igual de costosa nun sistema operativo que no outro, aínda que me atrevería a dicir que hai certos matices que a fan máis sinxela do lado do Ubuntu. O que si que é certo é que á maioría deles xa lles sona eso do Windows ou na súa casa teñen o XP instalado no ordenador dos seus fillos e practican o aprendido ou navegan pola internet ou incluso un deles comprou ao largo do obradoiro un flamante ordenador, por suposto, con Windows Vista. É dicir, no obradoiro aprenden con Ubuntu e nas súas casas practican con Windows. ¿É esto posible? ¿Persoas que levan dúas semanas usando o ordenador adáptanse a tanto cambio? Pois si. E creo que son dous os motivos principais:

  1. No obradoiro aprenden conceptos, non mecánica de clicks. Ou eso é o que pretendo. É dicir, se asimilas o concepto de carpeta, de fiestra ou de programa en lugar de facer clicks en lugares estratéxicos e de maneira ordenada para chegar a un fin, ao final, esteas no sistema operativo que esteas, adáptaste dunha maneira máis ou menos sinxela aos lugares donde hai que facer click ou á maneira de mostrar a información pola pantalla. Se ademáis, fago algo de fincapé en que en outros sistemas operativos pode que cambie a maneira de nomear os menús ou o lugar onde están as carpetas, xa está todo feito, o resto fano eles coa asimilación de conceptos, que todo sexa dito, non é nada sinxelo…
  2. Os sistemas operativos non son tan diferentes. Realmente, creo que so hai unha diferencia fundamental, que é o lugar onde se atopan os accesos aos programas ou carpetas. É dicir, no Ubuntu, non todo está no botonciño verde Inicio, están en outros sitios pero unha vez que investigas un pouco e o atopas, o resto é exactamente igual.

Esto faime chegar a algunha que outra conclusión:

  1. Migrar ou evolucionar dun sistema operativo a outro é sinxelo, so fan falta ganas e que alguen te incentive.
  2. As diferencias entre un Windows e un Gnu/Linux para un usuario medio son insignificantes.
  3. As administracións deben facer unha aposta decidida a prol do software libre.

E dende o meu punto de vista, como dinamizador, como friki-paranoico-pro-software-libre e como defensor da liberdade do coñecemento, estou encantado, non só porque me guste máis o Ubuntu que o Windows, senón porque considero que hai certas cousas que son máis claras e están máis accesibles dende Ubuntu que dende Windows, e así mo manifestaron algúns dos alumnos, que din, que lles gustan máis estes ordenadores que o da súa casa, que aquí atopa as cousas máis sinxelas.

Agora, só nos queda facer unha xornada de instalación de Ubuntu nos seus ordenadores, para que atopen as cousas igual de sinxelas nas súas casas ;) . Todo se andará…

Dende San Sadurniño para o mundo

22 Febreiro 2008 18:27 por vic

Cambiei de destino, iso sí, de forma temporal, ou eso me dixeron, e dende hai unha semaniña dinamizo neste pequeno e tranquilo pobo do norte galego. Din por aquí que se fai chamar a vila da tranquilidade, e dou fe delo. É un deses pobos nos que ás 12.00 da mañá non se move nin unha herba na praza do concello, que o ten todo concetrado ao seu redor: concello, casa da cultura, farmacia, bar, estanco, centro de saúde e falta a Caixa Galicia, que por raro que pareza, está un pouco máis afastada, pero estar está, non podería ser de ningunha outra forma nun pobo galeguiño.

Esta é a praza do concello, con concello e a casa da cultura ao fondo:

Concello San Sadurniño

E esta é a fabulosa aula de informática, sete ordenadores, noviños e só con software libre, máis concretamente Ubuntu (sí, esta é unha das razóns pola que é fabulosa ;) ), e conexión á rede de redes vía Wimax, tecnoloxía punteira en San Sadurniño.

Aula informática San Sadurniño

E xa que estamos, esta é a antena pola cal conseguimos conexión co mundo, unha antena receptora Wimax. Realmente, son dúas antenas, unha para a recepción da conexión Wimax e a outra é unha antena Wifi para que os veciños e veciñas se poidan conectar dende a praza do concello:

Antena receptora Wimax e antena emisora Wifi

E unha vez presentado o lugar, agora presentovos o vindeiro obradoiro que imos desenvolver, que non podía ser outro que de iniciación. Máis concretamente, tres, de iniciación á informática, a internet e ao correo electrónico, así seguidiños, para que dea a sensación de máis contido. E non só iso, que para dar o mellor servizo aos veciños, será en tres turnos distintos a elexir polo/a interesado/a, de 11.00 a 13.00, de 16.00 a 18.00 ou de 19.00 a 21.00. E sí, con un gran éxito. Xa están as prazas requetecubertas, e cunha lista de espera próxima ás 20 persoas.

A vindeira semana, información puntual do desenvolvemento de dito obradoiro. Pasarei lista…